Crónicas dunha desmemoria é un proxecto de divulgación en formato audiovisual e de difusión dixital, onde a bookstagrammer Irene Pérez (@surfeandolibros) protagoniza unha colección de 12 pílulas de vídeo nas que se debullan os principais capítulos e personaxes do Reino Medieval de Galicia.
Partindo da descuberta do libro ‘O Reino Medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria’ (Xerais 2020) no andel da biblioteca, a bookstagramer Irene Pérez Lis, reflexiona acerca da escaseza de información sobre esta etapa histórica nos contidos curriculares, e comeza a tirar dos inmensos fíos que esta obra lle proporciona para desentrañar historias e máis historias que nunca deixan de sorprendela e que, pouco a pouco, van configurando unha idea de Galicia totalmente descoñecida para ela, e que a fai sentir aínda máis orgullosa do seu país.
A modo de crónicas contemporáneas, é dicir, dixitais e breves, Irene vai tecendo pequenos relatos co obxectivo de axudarnos a desandar o camiño do esquecemento. Da súa man, lembraremos a importancia que acadou o reino suevo abranguendo un territorio que desbordaba, con amplitude, a Galicia actual, estendéndose por Asturias e Cantabria, e chegando polo sur ata o río Douro; coñeceremos o primeiro espertar cultural de Galicia no século V; o priscilianismo, os infortunios do rei don García; a lírica trobadoresca en galego-portugués; as revoltas irmandiñas; o arcebispo Xelmírez, a xestación do fenómeno xacobeo, o papel estratéxico da estirpe dos Castro, ou a crise política do século XIV na que quedou anulada a gran nobreza condal galega. Nas súas crónicas, Irene vai descubrir tamén historias de mulleres, que espertan a súa curiosidade e que son exemplo dunha dobre desmemoria: a soldadeira María Balteira; as raíñas Dona Urraca, Inés de Castro e Leonor de Aquitania; a escritora Exeria; ou María Castaña.
Atravesando o río do esquecemento
Galicia esqueceu que houbo un día en que foi un gran reino, o primeiro reino europeo; tampouco lembra que a súa lingua era a máis culta e prestixiosa da península, e que os seus dominios se estendían polas terras que hoxe coñecemos como Castela, Asturias, Cantabria e Portugal. Desde o Castelo de Salvaterra, Irene comeza a repasar os feitos históricos que nos axudarán a atravesar o río do Esquecemento para recuperar a memoria colectiva e reescribir este capítulo da nosa Historia.
O reino suevo
Na segunda crónica imos saber como chegan os suevos a Galicia en plena descomposición do imperio romano, e por que cambian as espadas polos arados e se instalan durante varios séculos nestas terras, onde constitúen o primeiro estado de toda Europa. A eles debémoslle a primeira moeda que se acuñou, a división do territorio en parroquias e a conversión ao cristianismo, que xa quedaría instalado como credo oficial.
O priscilianismo
Antes da chegada dos suevos e durante case todo o seu reinado, a Gallaecia foi seguidora da doctrina de Prisciliano, que predicaba un cristianismo moi moderno onde se cuestionaba a acumulación de riquezas; se defendía a igualdade entre homes e mulleres dentro da igrexa, se promovía o vexetarianismo, e a integración respectuosa das persoas no medio natural.
Desmontando mitos
Na cuarta crónica imos tentar derrubar mitos, falsas crenzas e historias interesadas sobre a unidade do territorio hoxe coñecido como España: Cal foi a posición real dos visigodos? Que papel xogaron os outros pobos da península na formación dos estados actuais? Existiu de verdade un reino asturiano actuando como núcleo de resistencia contra os árabes? Que foi en realidade a famosa ‘reconquista’? E porqué non se lle pode aplicar este concepto a Galicia como nos contan os libros de Historia que se estudan nas escolas.
O rei Don García
Revisamos a esquecida historia de Don García, un rei que proxectou un reino de Galiza sen ataduras co de León e que foi maltratado, traicionado, usurpado e encadeado de por vida, para logo ser tratado pola Historia como inepto e perdedor. Trala súa morte, a unificación do reino de Galicia co reino de León resultaría irreversible, aínda que seguirá mantendo a súa personalidade independente a través do poder exercido pola nobreza galega desde os señoríos.
Dona Urraca
Dona Urraca foi unha das primera raíñas de Europa; unha muller indomable que non lograron someter nin o seu pai nin os seus maridos. Alcumárona «A Temeraria», pero en realidade só foi unha muller dunha fortaleza inédita, que se empeñou en exercer con plenitude a autoridade real e que logrou sobrevivir aos innumerables inimigos que trataron de derrubala, unha e outra vez. Durante o seu reinado, o condado portucalense comezou a marcar distancias ata declararse reino.
Xelmírez. Poder galego e fenómeno Xacobeo
O fenómeno xacobeo é unha auténtica xogada mestra dun dos homes máis brillantes e tamén máis perigosos do Reino Medieval de Galicia. Sen a figura de Diego Xelmírez, posiblemente, a nosa Historia sería moi distinta. Ademais de promover o Camiño de Santiago, foi o gran impulsor das obras da Catedral compostelá, formou a primeira Armada de guerra cristiá da península para defender o Reino de Galiza dos ataques de vikingos sarracenos; tratou de recuperar o poder que outrora tivera Galiza; ordenou a escritura da Historia Compostelá, e chegou a acuñar moeda, un privilexio reservado aos reis.
A Lírica medieval galego-portuguesa
Grazas ás excelentes relacións entre Galicia e Occitania, e a transmisión oral a través do Camiño de Santiago, chegaron ata nós as composicións da lírica provenzal. Aquí adaptámolas e desenvolvemos unha lírica autóctona que en parte seguía as temáticas provenzais pero que se cantaba en galego-portugués, a lingua máis culta e prestixiosa da península nesa época, usada polo rei Afonso X O Sabio nas súas cantigas.
‘A Balteira’
Na corte de Afonso X O Sabio, traballou a soldadeira máis popular do reino medieval da Galiza: a indómita María Pérez Balteira, que a pesares de ser filla dunha rica familia fidalga, preferiu cantar e bailar na corte do rei, como estratexia para evitar o sometimento que do matrimonio. A súa lenda segue inspirando a autores e autoras dos nosos días que a ven como unha avanzada na loita contra as ríxidas normas coas que o sistema patriarcal marcou sempre o territorio feminino.
O papel dos Castro nos conflictos con Portugal
Neste capítulo analizamos porqué fracasaron todas as tentativas para volver a unirnos con Portugal, e porqué non foi aceptada como raíña Inés de Castro, recordada pola lenda como a raíña cadáver, xa que foi coroada despois de morta. De terse chegado a producir a alianza dos Castro coa coroa portuguesa, é posible que Galicia tivera acadado un gran protagonismo no conxunto dos reinos ibéricos, e sobre todo un maior aperturismo social e comercial a través do Atlántico.
As Revoltas Irmandiñas
As revoltas irmandiñas foron a primeira gran revolución social europea. Neste episodio histórico entenderemos por qué se levantou todo o pobo contra os señores feudais derrocando os seus castelos e tomando o poder. E o que é máis importante: Que significou para o noso pobo a derrota dos miles de homes e mulleres que quixeron loitar contra os abusos dos tiranos.
Doma do Reino de Galiza
Durante o reinado dos Reis Católicos levouse a cabo en Galicia o que aparece recollido nas crónicas como ‘doma’, é dicir, a eliminación de todo aquilo que lle daba identidade ao noso pobo e que, polo tanto, supoñía un perigo para o ideal de territorio unificado que buscaban sabel e Fernando. Para conseguir esa unificación substituíron ás elites dirixentes do país por outro señorío chegado de fóra, instauraron institucións centralizadoras, e impuxeron o castelán como lingua oficial.